Camiño de navegación

saludo

Saudo da Presidenta

Benvidos e benvidas ao Congreso dos Deputados, institución que representa a todos os cidadáns e as cidadás de España e que, polo tanto, pertence a todos.

O Congreso é a expresión do pluralismo político da nosa sociedade: desde aquí os membros da Cámara damos voz ás diversas posicións políticas. A deliberación e o debate entre esas posicións e o seu resultado mediante acordos e decisións maioritarias son o instrumento fundamental para o exercicio das funcións de produción lexislativa e de impulso e control da acción do Goberno que a Constitución atribúe ao Parlamento.

A palabra é a nosa ferramenta fundamental. E as palabras que se pronuncian no Congreso representan, no seu conxunto e na súa diversidade, a toda a cidadanía. Mediante a palabra expóñense posicións políticas e alternativas, e coa palabra establécese un diálogo do que resultan acordos, máis ou menos amplos, que configuran a vontade democrática dos españois. Palabras que serven, pois, para expoñer, dialogar e acordar.

O respecto á palabra é por tanto condición fundamental da nosa actividade. Á palabra allea, a dos demais, merecedora sempre de atención e consideración. E respecto tamén á palabra propia, como require a representación que exerce cada deputado e cada deputada e esixe a conciencia da relevancia deste mandato.

Esta páxina web permite que a representatividade do Congreso transcenda a mera elección democrática dos seus membros ao inicio de cada lexislatura. É unha canle fundamental de comunicación coa cidadanía no exercicio das nosas funcións; aquí expóñense a actividade de cada deputado e a da institución ao escrutinio público e á valoración cidadá.

Ademais de facilitar o acceso á información parlamentaria, queremos que sirva cada vez máis para promover unha cultura de transparencia e participación. Por iso, esta páxina web está aberta ás aportacións de todas as persoas interesadas mediante o contacto con cada deputado ou coa institución no seu conxunto e sen máis condición que a tolerancia e o respecto que todos nos debemos.

Ademais, a web do Congreso ofrécelle ao lector curioso o pracer de recuperar o patrimonio histórico da nosa oratoria parlamentaria e o testemuño directo de tantos momentos decisivos da historia de España. Quede porén advertido das horas que poden transcorrer sen decatarse folleando ao azar a nosa sección de Papeis para a Historia, coidadosamente editada polos servizos da Cámara, ou escoitando os arquivos de audio dispoñibles de intervencións parlamentarias desde 1977.

En resumo, a todos os que acceden a esta páxina para coñecer o sucedido no Congreso ou para impulsar e contribuír ao que vai transcorrer, sede benvidos e grazas pola vosa visita.

Meritxell Batet
Presidenta do Congreso dos Deputados