Camiño de navegación

saludo

Saudo da Presidenta

Benvidos e benvidas á páxina web do Congreso dos Deputados, o espazo onde reside a soberanía popular e onde as deputadas e deputados estamos chamados á máis nobre das funcións que temos encomendadas: representar aos cidadáns e cidadás do noso país e contribuír a dar solucións aos retos colectivos.

Porque o Congreso dos Deputados é o reflexo da pluralidade de España, da pluralidade política, evidentemente, mais tamén da diversidade dos pobos, culturas e linguas que conviven no noso país. Por iso, canto máis se asemelle a nosa cámara á España real que é diversa e plural máis representados se verán os cidadáns e cidadás nela.

E, canto máis contribuamos a resolver os problemas da cidadanía, máis útil a veremos todos e todas. Porque a política é a ferramenta máis potente para transformar a sociedade e o Congreso dos Deputados, como principal foro de debate político, ten que ser un motor de cambio social importante.

Un motor que se alimenta da palabra. Porque, para afrontar os desafíos que temos como colectividade e seguir avanzando cara o futuro, a palabra éo todo e o respecto pola palabra é fundamental. O ruído, as descualificacións, as tensións innecesarias non representan á cidadanía nin contribúen a arranxar os seus problemas. Son o diálogo e o debate enriquecedor os que nos axudarán a entendernos e a tomar as mellores decisións que, sen dúbida, afectarán o teu día a día.

Esta páxina web é unha canle fundamental de comunicación contigo no exercicio das nosas funcións. Aquí expóñense as actividades dos deputados e deputadas e da institución co obxectivo de promover unha cultura de transparencia e participación que nos axudará a progresar cara a un servizo público de maior calidade.

Convídoche a que participes e contribúas a mellorar esta páxina web, onde che contaremos o sucedido no Congreso e onde estamos para servirche.

Francina Armengol
Presidenta do Congreso dos Deputados