funcdip

Funcións das deputadas e os deputados

Os membros do Congreso dos Deputados son elixidos en circunscricións provinciais en listaxes presentadas polos partidos políticos, coalicións e agrupacións de electores mediante un sistema proporcional.

Unha vez elixidos, representan ao pobo español, polo que non están ligados por mandato imperativo. Esta circunstancia non exclúe que poidan voluntariamente pertencer a un Grupo parlamentario e someterse á súa disciplina interna. Ademais, os deputados e deputadas, para adquirir a súa condición, deben prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución na primeira sesión do Pleno á que asistan e completar a súa declaración de actividades.

Teñen o dereito de asistir con voto e participar nas sesións do Pleno e das Comisións e outros órganos dos que formen parte. O seu voto é persoal e indelegable e pode realizarse por asentimento á proposta da Presidencia, por procedemento electrónico, por chamamento ou por votación secreta (electrónica ou por papeletas).

Aspecto do salón de sesións un día de Pleno da XIV Lexislatura. Fonte: Congreso dos Deputados
Aspecto do salón de sesións un día de Pleno da XIV Lexislatura. Fonte: Congreso dos Deputados

En materia de control, poden presentar preguntas ao Goberno, tanto para a súa contestación por escrito como oral en Comisión ou en Pleno. Para o mellor cumprimento das súas funcións parlamentarias, previo coñecemento do respectivo Grupo Parlamentario, teñen a facultade de obter das Administracións públicas os datos, informes ou documentos que obren en poder destas.

Así mesmo, no procedemento lexislativo, nun número mínimo de quince, poden subscribir proposicións de lei. Tamén pode presentar emendas ao articulado.

Son titulares de institucións que son comúns entre os membros dos Parlamentos democráticos, destinadas a protexer a independencia da Cámara. En primeiro lugar, a inviolabilidade (artigos 71.1 da Constitución e 10 do Regulamento do Congreso), que supón que non son responsables polas opinións manifestadas e votos emitidos no exercicio das súas funcións parlamentarias. Todo iso en consideración a que a máis plena liberdade de palabra é necesaria para que o Parlamento poida desenvolver as súas funcións, especialmente a crítica e de control. Porén, a inviolabilidade non impide que a Presidencia do Congreso exerza as súas facultades disciplinarias en relación coas opinións manifestadas polos deputados e deputadas. Así, pode chamar á orde a quen profira palabras ou verta conceptos ofensivos.

En segundo lugar, son titulares da institución da inmunidade (artigos 71.2 da Constitución e 11 a 14 do Regulamento do Congreso). En virtude da mesma, non poderán ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da Cámara solicitada polo Tribunal Supremo mediante o correspondente suplicatorio. A tal efecto, séguese un procedemento con audiencia do afectado que remata coa correspondente decisión mediante votación secreta. A finalidade desta institución é preservar a composición da Cámara que deu a soberanía popular. Así mesmo, e pola mesma razón, só poderán ser detidos en caso de flagrante delito.

Os deputados e as deputadas observan as normas sobre incompatibilidades establecidas na Constitución e na lei electoral. A tal efecto, ao tomar posesión, deben formular unha declaración cos seus datos que despois é informada pola Comisión do Estatuto dos Deputados. En caso de apreciarse algunha incompatibilidade, o afectado debe optar entre o seu escano e a condición ou posto que determina a incompatibilidade. Así mesmo, están obrigados a comunicar calquera alteración que se produza na súa situación durante a lexislatura. Ao mesmo tempo, deben facer unha declaración dos seus bens patrimoniais. Todas estas declaracións inscríbense nun rexistro que ten carácter público.

Así mesmo, están sometidos ao Código de Conducta das Cortes Xerais

Para máis información: - Rexistro de intereses, actividades, bens e rendas