Camiño de navegación

func

Funcións

Que é o Congreso dos Deputados

O Congreso dos Deputados: caracteres e funcións constitucionais

I. ASPECTOS XERAIS

Portada do libro «Constituciones Españolas. 1812-1978», editado polo Congreso dos Deputados en 1998. Ilustración da cuberta: Contracuberta decorada «á catedral» da Constitución da Monarquía española, ano de 1837Portada do libro «Constituciones Españolas.
1812-1978», editado polo Congreso dos
Deputados en 1998. Ilustración da cuberta:
Contracuberta decorada «á catedral» da
Constitución da Monarquía española, ano
de 1837

A Constitución de Cádiz de 1812 representa o primeiro precedente do Novo Réxime e do Parlamento Moderno. Co Estatuto Real de 1834 iníciase o sistema bicameral que se mantén ao longo de todo o século XIX e primeiro terzo do XX. Así, coa Constitución de 1837, as dúas Cámaras toman os nomes actuais de Senado e Congreso dos Deputados, denominacións que se recuperan co restablecemento do sistema democrático en 1977, de onde pasan á Constitución de 1978.

A excepción a este bicameralismo foron a Constitución de Cádiz e a de 1931, da II República, que dispuxeron un Congreso dos Deputados como Cámara única. Posteriormente, durante o período franquista establecéronse tamén unhas Cortes orgánicas unicamerais (1942-1977), aínda que sen as características dun verdadeiro Parlamento.

Pórtico frontal do Palacio do Congreso. Fonte: Congreso dos Deputados Pórtico frontal do Palacio do Congreso.
Fonte: Congreso dos Deputados

 

 

 

 

Na Constitución de 1978, as Cortes Xerais, compostas polo Congreso dos Deputados e o Senado, representan ao pobo español, representación que tamén ostentan os deputados e as deputadas, pois cada un deles representa á nación, razón pola que non están ligados por mandato imperativo. As funcións que teñen as Cortes Xerais son a aprobación das leis e dos Orzamentos xerais do Estado, así como o control da acción do Goberno. Porén, o bicameralismo non supón unha equiparación completa entre o Congreso e o Senado. O Congreso dos Deputados ten funcións e facultades que revelan a súa primacía en materia de control político, tales como a investidura do presidente do Goberno, provocar o seu cese e que as iniciativas lexislativas e os orzamentos se inician ante el, mentres que o Senado ten o carácter de Cámara de representación territorial.

A normativa vixente (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral de 19 de xuño de 1985) establece en 350 o número de membros da Cámara. Todos eles son elixidos en circunscricións provinciais por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un sistema proporcional: cada listaxe de partido obtén un número de escanos proporcional ao de votos.

A lexislatura é o período para o que se elixen o Congreso dos Deputados e o Senado. Ten unha duración de catro anos, pero pode terminar antes por disolución acordada polo presidente do Goberno.

Aspecto do Salón de Sesións durante un día de pleno da XIV Lexislatura.
Fonte: Congreso dos Deputados

 

II. FUNCIONAMENTO E ORGANIZACIÓN

O Congreso dos Deputados réxese polo establecido na Constitución e no Regulamento que a propia Cámara aproba con total autonomía. Reúnese dentro dos períodos de sesións que establece a Constitución: dous en cada ano natural. O primeiro, de febreiro a xuño; e o segundo, de setembro a decembro. Fóra deles funciona a Deputación Permanente, que vela polos poderes da Cámara. Porén, habitualmente convócanse sesións extraordinarias do Pleno, das Comisións e dos demais órganos da Cámara fóra dos citados períodos ordinarios.

Ademais do Pleno, que está formado pola totalidade dos membros do Congreso, a Cámara conta con diversos órganos que poden agruparse en dúas grandes categorías: órganos de dirección ou goberno, por un lado, e órganos de traballo, por outro. Os primeiros, que ordenan, impulsan e dirixen a vida da Cámara, son a Presidencia, a Mesa e a Xunta de Portavoces. Os órganos de traballo son aqueles que participan directamente nas actividades parlamentarias, ben preparando as deliberacións e decisións do Pleno, ben resolvendo por si mesmos: Comisións, Subcomisións, Divisións, Deputación Permanente e a Secretaría Xeral ou Administración parlamentaria.

A Presidencia ostenta a representación do Congreso dos Deputados. É elixida pola propia Cámara ao comezo da lexislatura.

 

Presidentes desde 1977 á actualidade: D. Fernando Álvarez de Miranda y Torres; D. Landelino Lavilla Alsina; D. Gregorio Peces-Barba Martínez; D. Félix Pons Irazazábal; D. Federico Trillo-Figueroa Martínez-Conde; D.ª Luisa Fernanda Rudi Úbeda; D. Manuel Marín González; D. José Bono Martínez; D. Jesús Posada Moreno; D. Patxi López; D.ª Ana Pastor Julián e D.ª Meritxell Batet. Fotos extraídas da páxina web do Congreso dos Deputados.

 

 

A Mesa é o órgano reitor colexiado da Cámara. Está integrada polo presidente do Congreso, catro vicepresidentes e catro secretarios, e asistida e asesorada polo letrado maior e o secretario xeral.

 

​​​​​​​
Reunión dunha sesión da Mesa da Cámara durante a XIV Lexislatura. Fonte: Congreso dos Deputados

 

A Xunta de Portavoces é o órgano de participación dos Grupos Parlamentarios na ordenación do traballo da Cámara. A súa principal función é aprobar, xunto coa Presidencia, a orde do día do Pleno.

 

​​​​​​​
 
​​​​​​​
Diferentes vistas dunha sesión da Xunta de Portavoces durante a XIV Lexislatura. Fonte: Congreso dos Deputados

 

As Comisións son órganos de traballo preparatorios das decisións do Pleno ou que substitúen a este último en determinados casos. Coñecen os proxectos, proposicións ou asuntos que lles encomende, de acordo coa súa respectiva competencia, a Mesa do Congreso. Están integradas polos membros que designen os Grupos Parlamentarios no número que indique a Mesa do Congreso, oída a Xunta de Portavoces en proporción á importancia numérica daqueles na Cámara. Poden ser permanentes lexislativas, permanentes non lexislativas (Regulamento, Estatuto dos Deputados, Peticións e as constituídas por disposición legal) e non permanentes, entre as que destacan as Comisións de Investigación.

As Subcomisións e Divisións son órganos de traballo especializado no seo das Comisións.

Os Grupos Parlamentarios teñen unha destacadísima importancia no funcionamento interno do Congreso e son os verdadeiros eixes sobre os que xira o seu funcionamento.

III. A FUNCIÓN LEXISLATIVA

A función principal do Congreso dos Deputados é a lexislativa, isto é, a aprobación das leis.

A Constitución recoñece a iniciativa lexislativa ao Goberno, ao Congreso dos Deputados, ao Senado, ás Asembleas das Comunidades Autónomas e a Iniciativa Lexislativa Popular a proposta de non menos de 500 000 cidadáns con suxeición ao establecido nunha Lei Orgánica.

A iniciativa, que se denomina proxecto de lei cando a presenta o Goberno e proposición de lei nos demais casos, preséntase sempre ante o Congreso dos Deputados, salvo as proposicións do Senado que deben ser tomadas en consideración na Cámara Alta, que as remitirá logo ao Congreso. Tampouco se inicia no Congreso dos Deputados a tramitación do Fondo de Compensación Interterritorial. Tras a presentación prodúcese a cualificación pola Mesa e a publicación oficial do proxecto ou proposición de lei. Cando a iniciativa se deba aos deputados ou deputadas, ás Asembleas das Comunidades Autónomas ou aos cidadáns, a proposición de lei estará suxeita ao trámite de toma en consideración, que consiste nun debate e votación en Pleno sobre a súa oportunidade. Os proxectos do Goberno e as proposicións de lei que se reciban do Senado non están suxeitos ao trámite de toma en consideración.

Ao mesmo tempo que se publica un proxecto de lei presentado polo Goberno, ou tras a toma en consideración das proposicións de lei, ábrese un prazo para presentar emendas á totalidade ou ao articulado. As primeiras só poden formularse polos Grupos Parlamentarios.

Se se presentan emendas á totalidade do proxecto ou proposición de lei, prodúcese un primeiro debate de totalidade no Pleno. Se neste debate se aproba unha emenda á totalidade de devolución, a iniciativa enténdese rexeitada. Se se aproba unha emenda de texto alternativo, ábrese un novo prazo de emendas que só poderán ser ao articulado. Se se desestiman, devólvese o proxecto ou proposición de lei á Comisión competente para que siga a súa tramitación.

A Comisión designa á División, que está integrada por membros dos distintos Grupos Parlamentarios e cuxa composición numérica queda determinada pola Mesa ao inicio da lexislatura. É un órgano que, asesorado por un letrado, estuda a porta pechada as distintas emendas formuladas e emite un informe, que se debaterá en Comisión. Terminado o debate en División, a Comisión reúnese con publicidade e procede ao debate e votación das emendas e do texto, emitindo un ditame.

Tras a intervención da Comisión e unha vez incluído na orde do día do Pleno, ábrese unha discusión sobre o proxecto ou proposición de lei e as emendas mantidas. O texto resultante envíase ao Senado.

O Senado, en relación cos textos lexislativos que recibe do Congreso, pode aprobar vetos ou emendas ao articulado. Se é así, o texto vetado ou emendado volve ao Congreso que, por maioría absoluta ou simple transcorridos dous meses, pode levantar o veto e por maioría simple aprobar ou rexeitar as emendas do Senado. Unha vez a lei queda definitivamente aprobada, debe someterse aos trámites de sanción e promulgación polo rei e á súa posterior publicación no Boletín Oficial del Estado.

Xunto ao procedemento anterior, o Regulamento do Congreso conta con outros procedementos lexislativos especiais como a tramitación dos proxectos de lei orgánica, dos Orzamentos Xerais do Estado, os Estatutos de Autonomía, a reforma constitucional, a competencia lexislativa plena das Comisións e a lectura única. Ademais de aprobar as leis, o Congreso valida ou derroga decretos-leis, autoriza tratados e convenios internacionais e controla o exercicio das delegacións lexislativas.

IV. A FUNCIÓN DE CONTROL E IMPULSO

Tras a celebración das eleccións xerais, e nos demais supostos de cese do Goberno (perda da confianza parlamentaria, dimisión ou falecemento do seu presidente), iníciase o procedemento para a investidura dun novo presidente do Goberno. O rei, tras consultar cos grupos políticos con representación parlamentaria, propón ao Congreso un candidato á presidencia do Goberno. Este candidato, tras expoñer o seu programa ante o Pleno da Cámara, debe obter o voto favorable da maioría absoluta do Congreso dos Deputados. De non acadarse esta maioría, poderá ser elixido se obtén a maioría simple nunha nova votación realizada corenta e oito horas despois da primeira.

O nomeamento dos ministros non corresponde á Cámara senón ao rei, a proposta do presidente do Goberno.

​​​​​​​

O Goberno cesa cando se rompe a relación de confianza que o une ao Congreso dos Deputados, mediante a aprobación dunha moción de censura ou a denegación dunha cuestión de confianza. A moción de censura debe incluír a proposta dun candidato alternativo de forma que, se se aproba, cesa un presidente do Goberno e, no mesmo acto, elíxese un novo presidente. A cuestión de confianza só pode ser presentada polo presidente do Goberno, previa deliberación do Consello de Ministros, e debe formularse en relación ao seu programa político ou a unha declaración de política xeral. Se non se acada a maioría simple, o Goberno debe presentar a súa dimisión ao rei, abríndose entón o procedemento de investidura dun novo presidente do Goberno.

O Congreso fiscaliza e controla a actuación do Goberno e da Administración Pública fundamentalmente por medio de preguntas e interpelacións. As preguntas, que poden ser orais ou escritas, recaen sobre calquera asunto competencia do Goberno, mentres que as interpelacións versan sobre a conducta do Executivo en cuestións de política xeral, ben do Goberno ou dalgún departamento ministerial.

As proposicións non de lei, mocións e propostas de resolución son actos de natureza similar que pretenden a adopción dun acordo non lexislativo polo Congreso, mediante o cal este manifesta a súa posición sobre un tema ou cuestión determinado, ou diríxese ao Goberno instándoo a actuar nunha dirección concreta.

O Congreso dos Deputados e o Senado elixen ao Defensor do Pobo e a oito membros do Tribunal Constitucional, así como aos do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Tribunal de Contas e doutros organismos.